Sentimos advertirle de que su navegador web no está actualizado.

La web a la que intenta acceder utiliza las últimas tecnologías para crear una experiencia de usuario única por compatible únicamente con las últimas actualizaciones de los navegadores web más usados. Para descargarse las últimas versiones de estos navegadores, por favor, escoja en la lista su navegador favorito y descárguelo.

Muchas Gracias.

Un lugar para admirar,

un lugar para visitar

Nova campaña de Turismo Sostible


A nova campaña de turismo sostible de Porto do Son ofrece cinco experiencias únicas para descubrir un Porto do Son infinito


  • O Concello convida a coñecer un territorio natural, sostible e seguro a través de medio cento de recursos emblemáticos agrupados por gustos e intereses para diferentes tipos de públicos.
  • Patrimonio en paraxes singulares, deporte e aventura, vistas panorámicas e solpores máxicos, tradición mariñeira e gastronomía única son as temáticas arredor das que se artellaron estas experiencias.
  • Editouse un novo mapa-folleto en dous idiomas e toda a información, xeolocalizada, tamén está dispoñible na web municipal www.portodoson.gal.

Porto do Son, 1 de xullo de 2021.
O alcalde do Concello de Porto do Son, Luis Oujo, e a tenente de alcalde, María Maneiro presentaron este mediodía aos axentes turísticos do municipio a nova campaña “Son infinitamente natural” consistente na creación dunha nova imaxe e 5 rutas experienciais a través das que visitantes e turistas poderán explorar medio cento de recursos con gran potencial baixo o prisma da sostibilidade e do turismo de natureza. “Abrimos as portas do verán con moita ilusión e co obxectivo de axudar a impulsar a recuperación do sector turístico, unha das nosas fontes de riqueza”, sinalou o primeiro edil. Nesta época postcovid, destacou, Oujo, é prioritario amosar a imaxe dun Porto do Son natural, sostible, seguro e cun patrimonio material e inmaterial "infinito" do que gozar durante os próximos tres meses pero, en xeral, en calquera momento do ano para aproveitar o gran escenario natural que é, en si, o municipio.

Un obxectivo ao que, de seguro, contribuirá a nova campaña e o material editado polo goberno local xa que as cinco rutas experienciais, presentadas a través dun mapa-folleto en galego e en castelán e con información ampliada na web municipal mediante códigos QR, estarán sempre a disposición do usuario. De feito, a páxina web institucional convértese desde hoxe nun terceiro punto información turística en formato 2.0 que consultar en calquera momento, os 7 días da semana, mediante calquera dispositivo móbil.

Un valor engadido que se quixo achegar a esta campaña foi a colaboración directa cos empresarios locais para convertelos nos primeiros embaixadores de Porto do Son xa que, en moitas ocasións, eles e elas son os primeiros anfitrións para visitantes e turistas.

Primeiro, contactouse con eles a través dunha enquisa para coñecer a súa opinión sobre cuestións estratéxicas. Despois creouse un directorio online no que, baixo as categorías “Servizos”, “Que facer”, “Onde comer” e “Onde durmir”, se agrupa a relación de empresas de ocio e actividades complementarias, restaurantes, bares e tapeo, tendas de alimentación ou aloxamentos nos que completar as experiencias das cinco rutas. Neste punto, a tenente de alcalde María Maneiro recordou que este directorio é unha guía aberta na que o Concello está a disposición do sector para incluír todas cantas novas referencias lle fagan chegar.

No caso do mapa-folleto, repartirase entre o sector turístico e tamén estará dispoñible gratuitamente na oficina de información turística do Museo Marea, no Centro de Información do Castro de Baroña, así como nos establecementos dos axentes turísticos de Porto do Son. Así mesmo, e de forma complementaria, o Concello tamén distribuirá entre os empresarios un lote de salvamanteis co mapa das novas rutas.


Por onde empezas?

As cinco novas rutas experienciais agrupan medio cento de lugares que coñecer e levar no recordo en estadías de 1-2 e 2-3 días, creando ademais un suxestivo xogo de palabras co nome do municipio para personalizar aínda máis cada experiencia individual a través da palabra escrita. Así, Son Natureza convida a percorrer un patrimonio único en paraxes singulares como o Castro de Baroña, os petróglifos da Gurita ou de Laxe da Sartaña, os muíños de San Tomé, a ponte medieval sobre o río Sieira ou achegarse ao inicio do Camiño de Santiago pola ría de Muros e Noia, en Porto do Son, ou á Travesía náutica xacobea, que ten entre os seus portos de referencia a mariña de Portosín.

En Son Aventura, preséntase o territorio de Porto do Son como un gran escenario de case 95km2 ao aire libre para todo tipo de deportes partindo da gran tradición local na navegación a vela, no mergullo, no surf, no windsurf, no kitesurf ou na pesca deportiva, entre outras moitas actividades acuáticas. Terra adentro, invítase a facer parapente desde o monte Iroite, ciclismo ou escalada vertical xunto ao Castro de Baroña ademais de aproveitar a extensa rede de sendeirismo local, sinalizada e para todos os niveis de dificultade, que se completará coa nova Senda litoral que percorre os case 30km de costa de norte a sur.

Son Eterno condensa unha experiencia máxica para levar no recordo fermosas panorámicas ou a luz do solpor desde case unha ducia de miradoiros ou enclaves emblemáticos do litoral. O deseño desta ruta tivo en conta a orientación privilexiada de Porto do Son que, precisamente, mira de fronte ao ocaso nas últimas horas do día. As praias da Aguieira, Area Longa, As Furnas, o faro Cabeiro, Fonforrón, o monte Enxa e o Tahúme ou o recentemente inaugurado miradoiro de Caamaño, entre outros, son algunhas das paradas obrigadas.

No caso de Son Mar e Son Sabor, o patrimonio e a cultura mariñeiras sonenses son a base sobre a que se artellaron estas dúas experiencias para vivir cento por cento o vínculo histórico de Porto do Son co mar. A primeira centrouse no oficio e na tradición e a segunda, na degustación dos mellores produtos que cada día se descargan nos portos locais.


Intenso traballo previo

A campaña que se presentou hoxe é froito dunha exhaustiva consultaría realizada entre os meses de marzo e maio. Durante esta fase previa analizouse a situación do sector turístico e de todos os recursos vinculados ao patrimonio natural, histórico, gastronómico, cultural ou deportivo, tanxible e intanxible, de Porto do Son que presentase maiores potencialidades para complementar o deseño destas experiencias diferenciadoras e únicas. “Porto do Son conta con multitude de atractivos únicos que o converten nun destino cunha gran capacidade para adaptarse e impulsar o sector turístico, sobre todo ante os novos retos da era postcovid. Temos unha nova folla de ruta para enfocar o turismo presente e futuro de Porto do Son”, manifestou o alcalde.


Situación actual

Porto do Son é un dos concellos da área do Barbanza con maior potencial turístico. Segundo datos municipais, nun verán tan atípico coma o de 2020, a oficina de turismo do Castro de Baroña contabilizou cifras similares ás de 2019 a pesar da baixada de visitantes estranxeiros e de que non estivo aberta na primeira quincena de xullo. Do total de contabilizados, o 64,2% foron persoas doutras comunidades, o 32,3% galegos e o restante 3,4%, estranxeiros. Fóra das estatísticas municipais, os visitantes e turistas que non se achegan a preguntar ao edificio municipal poderían multiplicar por dous esta cifra.

As previsións oficiais apuntan que, este verán, o 86% de españois viaxará dentro do país, cifra que antes da pandemia era dun 69%. Neste contexto, a nova campaña “Son Infinitamente natural” representa unha excelente oportunidade para impulsar o turismo sostible no ámbito local aproveitando unha tendencia que está cobrando forza nesta etapa postcovid.


Descargas adicionais

banner rutas experenciais

Revista-municipal

ENLACES DIRECTOS

sede ayto logo1

Revista-municipal

pxom porto do son

sede ayto logo1

Ría Muros Noia

Radio 5FM

Radio 5FM

Instituto Galego de Estatística

Marea Museo

GALERÍA DE FOTOS

galeria-panoramicas