Xeral, Formación|

A casa da cultura de Xuño acolleu hoxe a presentación da décima edición do OBRADOIRO   DE EMPREGO Tahume, que comparten os Concellos de Porto do Son e Ribeira.

Así, durante os próximos nove meses impartiranse as especialidades de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e en traballos de carpintería e moble. 

Trátase dun programa mixto de formación e emprego dirixido a mellorar a ocupabilidade e empregabilidade das persoas que actualmente están paradas, e que está subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e promovido polos Concellos de Ribeira e Porto do Son, con dez alumnos de cada unha desas localidades. Ademais, como incentivo, a Xunta de Galicia realiza unha aportación de 30.000 euros para fomentar a empresas que contraten a persoas formadas neste obradoiro.

O Alcalde sonense, Luis Oujo, destacou no acto de presentación, ao que tamén acudiu o Concelleiro de Medio Ambiente, Juan José Calo, a importancia destes talleres “que contribúen ao desenvolvemento económico e ofrecen oportunidades de emprego real na nosa contorna”.
“Esta é unha mostra máis da aposta do Concello mellorar a inserción laboral da veciñanza e por impulsar o emprendemento local”, ademais animou “a todas as persoas participantes a desfrutar desta experiencia de cara a mellorar a súa formación, que lles permitirá optar a postos de traballo máis estables”, concluíu.

Á presentación tamén acudiu o Alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral  e a Concelleira de Promoción Económica, Veva Betanzos. O mandatario  puxo en valor “que ademais de formar a persoas en ámbitos como madeira ou forestal, o alumnado dos obradoiros desenvolven un labor beneficioso para toda a comunidade xa que os traballos desenvólvense en espazos públicos que desfrutan todas as veciñas e veciños”.

Listaxe de proxectos/obras previstas en Porto do Son neste Obradoiro:
– Mantemento das pasarelas de madeira na praia de Coira, Portosín.
– Reparación do peche de madeira do parque infantil da Casa da Cultura de Caamaño.
– Instalación dun peche de madeira para o parque infantil de Nebra.
– Mellora da masa arbórea existente e creación de doutras en zonas desarboradas acorde á súa calidade de estación na parroquia de Miñortos.
– Mellora da masa arbórea existente e creación de doutras en zonas desarboradas acorde á súa calidade de estación no lugar de Trapa, na parroquia de Goiáns.
– Mellora da masa arbórea existente e creación de doutras en zonas desarboradas acorde á súa calidade de estación no lugar de Coira, na parroquia de Goiáns.
– Mellora da masa arbórea existente e creación de doutras en zonas desarboradas acorde á súa calidade de estación no lugar de Arnela, na parroquia de Baroña.
– Mellora da masa arbórea existente e creación de doutras en zonas desarboradas acorde á súa calidade de estación no lugar de Castro, na parroquia de Baroña.
– Mellora da masa arbórea no lugar de Xan Pasal, parroquia de Queiruga.
– Mellora da masa arbórea no lugar de Madanela, parroquia de Ribasieira.
– Mellora da masa arbórea no lugar da Ponte Medieval, parroquia de Xuño


Listaxe de proxectos/obras previstas en Ribeira:
– Pasarela de madeira no campo de fútbol do Carreiro en Aguiño
– Renovación dos accesos á pasarela da praia do Castro en Castiñeiras
– Reconstrución da ponte de madeira do río Listres entre Aguiño e Castiñeiras
– Restauración e bancos: Entorno da pasarela da Praia do Castro en Castiñeiras así como outras tarefas en madeira
– Actividades auxiliares en conservación e mellora do Monte de San Roque e do río Pedrín

Ademais da formación específica de carpintería e forestal, o alumnado recibirá formación en competencias dixitais, igualdade, medio ambiente, orientación laboral ou autoemprego, entre outras. Por outro lado, o alumnado participante que non estea en posesión da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) recibirá formación específica para a súa preparación e obtención.

Comments are closed.

Close Search Window