Cultura, ocio, tempo libre|

O Concello de Porto do Son acolle en abril Experiencia Europa, unha exposición interactiva e itinerante que achegará a concellos rurais da provincia da Coruña o funcionamento da Unión Europea e a súa influencia no día a día a través dunha experiencia dixital. A exposición chega a Porto do Son o 15 de abril e poderá visitarse ata o 13 de maio.
Esta mostra de EUROPE DIRECT A Coruña ten a transición dixital en Europa como eixo central e nela pódese experimentar a través de dispositivos multimedia con pantallas táctiles. Dende elas, os e as visitantes poderán acceder a Espazo Europa, unha contorna virtual que mistura 3D e 4D na que se poden explorar os símbolos e valores da Unión Europea, así como a importancia da cultura e a ciencia. Tamén haberá un espazo adicado a descubrir o Parlamento Europeo, a través de vídeos, xogos e outros soportes.

A experiencia continúa na área “Aprende, visita, xoga e participa”. Nela haberá un apartado adicado ao coñecemento da Intelixencia Artificial, no que a Unión Europea é pioneira na súa regulación e tamén visitas virtuais a institucións europeas e xogos educativos para todas as idades.

Experiencia Europa tamén ofrece un recuncho interactivo no que os cidadáns e cidadás terán a
oportunidade de contribuír coa súa opinión a un estudo provincial sobre os principais retos para o futuro da Unión Europea. O público poderá levar como recordo da súa experiencia unha fotografía xerada por un sistema de intelixencia artificial que insire ao usuario en diferentes espazos.

A exposición complétase cunha mostra de vídeos realizados por EUROPE DIRECT A Coruña e que achegan información tanto xeral como especializada das oportunidades de participación e formación que ofrece a Unión Europea aos diferentes públicos.

Europa no teu Concello.

Esta mostra itinerante forma parte da programación que Europa no teu Concello ofrece aos membros da rede. EUROPE DIRECT A Coruña puxo en marcha esta iniciativa, da que xa forman parte 45 concellos, para aproximar a información sobre a Unión Europea a toda a cidadanía da provincia, en especial, da mocidade.

EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.

Agardámosvos a todas e todos!

A nova no Facebook:
www.facebook.com/concelloportodoson/posts/pfbid0a7bX7dNm8oTAUEdFBekxsZfMV9zCn1VceXdNwVazPKnqM8v9FiKGHtJqujxonJRbl

Comments are closed.

Close Search Window