O alcalde, Luis Oujo, recibiu hoxe á conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, na súa visita ao municipio sonense para acudir á posta en marcha do proxecto piloto de praias inclusivas da Xunta de Galicia, que consiste na instalación de estruturas climáticas sostibles nos areais co obxectivo de que sirvan de refuxio ás persoas con problemas de mobilidade en episodios de altas temperaturas.
O rexedor, na visita esta mañá o refuxio inclusivo instalado na praia do Cruceiro, agradeceu “a sempre disposición da Xunta por garantir uns servizos de tempada de calidade e respectuosos coa paisaxe e co medio ambiente que permitirán que as persoas con mobilidade reducida poidan desfrutar do noso areal tamén os días de máis calor este verán”.
O areal sonense, xunto cos de Baiona e Viveiro, serán os primeiros en poñer en marcha esta novidosa iniciativa este mesmo verán, que conta cun orzamento de 85.000 euros.
Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, explicou que este proxecto ten como finalidade avanzar na creación de espazos litorais “máis accesibles, inclusivos e adaptados á necesidades de toda a cidadanía”. Deste xeito, estas instalacións facilitarán un uso máis seguro e cómodo da praia para as persoas con mobilidade reducida ou con dificultades de desprazamento.
En concreto, estes refuxios inclusivos están deseñados para ofrecer unha zona de sombra na que refuxiarse en caso de altas temperaturas. Ademais, ofrecen accesos sen barreiras arquitectónicas, espazos amplos que permiten a mobilidade de persoas usuarias de cadeas de rodas, sinalización táctil e visual adaptada, zonas de descanso accesibles e elementos que favorecen a orientación e seguridade.
Ademais, a conselleira fixo fincapé en que estas estruturas intégranse de forma respectuosa na paisaxe costeira e responden ao compromiso do Goberno galego de apostar por un desenvolvemento sostible do litoral a través do equilibrio entre a conservación dos seus valores ambientais e o seu uso e desfrute por parte de veciñanza e visitantes.
Ángeles Vázquez incidiu así mesmo en que iniciativas como a estreada no Porto do Son contribúen ao cumprimento dos requisitos asociados a distintivos de calidade ambiental e de servizos como a Bandeira Azul e a Bandeira Verde, xa que melloran das condicións de accesibilidade, sostibilidade e confort dos espazos públicos.



