Cultura, ocio, tempo libre|

O Concello de Porto do Son anuncia a convocatoria do concurso de carteis co obxectivo de escoller a imaxe oficial da nova edición da Feira Celta 2026, unha das citas máis agardadas do verán no municipio e que se celebrará os días 24, 25 e 26 de xullo de 2026.

A iniciativa busca premiar a creatividade e o talento, outorgando un único premio de 500 € ao deseño elixido. Esta obra converterase na cara visible do evento e empregarase en toda a promoción institucional e publicitaria, tanto en soportes físicos como nas distintas plataformas dixitais (cartelería, programas, redes sociais, páxina web, prensa e outros medios de difusión).

Requisitos e temática das obras

A participación está aberta a calquera persoa, sen límite de idade (exceptuando aos membros da organización e aos seus familiares) e cada participante poderá presentar un máximo de dúas obras, que deberán ser orixinais, inéditas e estar inspiradas na cultura e temática celta. Ademais non poderán ter sido premiadas nin presentadas noutros concursos e o cartel gañador deberá adaptarse, se fose preciso, ás necesidades de produción e difusión do evento, incorporando logotipos institucionais e de entidades que determine o Concello. Tamén poderán realizarse modificacións técnicas oportunas, incluíndo a actualización de datos ou outros elementos informativos que resulten necesarios para a súa correcta utilización en distintos soportes e edicións.

No que respecta ás especificacións técnicas, os deseños deberán ter un formato A3 vertical e incluír de xeito obrigatorio e perfectamente lexible o seguinte texto: “FEIRA CELTA PORTO DO SON 24, 25 e 26 de xullo 2026”. As obras deberán presentaranse exclusivamente en formato dixital (PDF ou JPG en alta resolución, cun mínimo de 300 ppp) e poderán ter unha técnica libre.

Prazo e envío das propostas

As obras deberán enviarse por correo electrónico ao enderezo portodosoncultura@gmail.com, achegando no mesmo correo os datos da persoa participante (nome e apelidos, DNI, enderezo postal, teléfono de contacto e correo electrónico). Todos os correos serán contestados á súa recepción. Se en tres días non se tivese resposta, é posible que haxa algún erro, polo que deberán poñerse en contacto co 981 767 758.

O prazo de presentación xa se atopa aberto e finalizará o vindeiro 26 de xuño de 2026. Non se admitirán obras presentadas fóra de prazo.

Valoración do xurado e criterios de valoración

A selección da obra gañadora realizarase mediante a valoración dun xurado cualificado, designado polo Concello de O Porto do Son. O xurado estará composto por persoas vinculadas ao ámbito da cultura, das artes plásticas, do deseño gráfico e/ou representantes institucionais, actuando con criterios de independencia e obxectividade.

As obras presentadas serán avaliadas atendendo os seguintes criterios:

  • Creatividade e orixinalidade
  • Calidade artística e técnica
  • Adecuación á temática celta e á identidade da Feira Celta
  • Claridade e impacto visual
  • Adaptabilidade a distintos soportes e formatos

O xurado poderá solicitar, se o considera oportuno, pequenas adaptacións técnicas á obra seleccionada antes da proclamación da definitiva. A decisión do xurado será motivada e inapelable. O Concello resérvase o dereito de declarar o premio deserto se considera que ningunha das propostas reúne a calidade suficiente.

Proclamación da obra gañadora e dereitos de uso

A resolución do xurado farase pública a través das canles oficiais do Concello e a persoa gañadora será contactada previamente a través dos datos facilitados na inscrición.

A persoa autora do cartel gañador cederá ao Concello de O Porto do Son os dereitos de reprodución, distribución e comunicación pública da obra para fins promocionais da Feira Celta. Así mesmo, os carteis que non resulten gañadores poderán ser utilizados polo Concello en futuras edicións da Feira Celta ou noutras accións promocionais relacionadas co evento, recoñecendo en todo caso a autoría das obras. A participación no concurso supón a aceptación expresa desta condición, así como a aceptación das bases.

Comments are closed.

Close Search Window