O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, xunto a primeira tenente de alcalde, María Maroñas, reuníronse onte ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño para abordar a mellora das infraestruturas sanitarias do municipio entre elas, as posibles reformas no consultorio de Portosín.
Acompañado da directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada, e polo xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, o encontro tamén serviu para avanzar no proxecto do futuro novo centro de saúde que se construirá no Porto do Son.
A ese respecto, o alcalde trasladou que en vindeiras datas o Concello prevé remitir a documentación municipal relativa á parcela de cara á súa cesión ao Servizo Galego de Saúde. Unha vez cumprimentado ese trámite poderá licitarse a redacción do proxecto construtivo do novo centro de saúde.
O futuro inmoble contará con 5 consultas de médico de familia, 4 de enfermería, 1 de farmacia, 1 de odontoloxía, 1 sala de respiratorios, 1 consulta de urxencias, 2 consultas polivalentes, despacho de traballador social, 1 sala de toma de mostras. Así mesmo, disporá dunha área da muller, área pediátrica e área de rehabilitación.
A Consellería de Sanidade e o Concello impulsaron este ano unha mellora do actual centro de saúde cun investimento conxunto de 43.000 euros. As obras consistiron na impermeabilización da fachada traseira e no acondicionamento das instalacións e da cuberta do centro de saúde para evitar filtracións de auga. Estas obras súmanse ás realizadas en 2024, de reforma da cuberta, por valor de 12.000 euros.





