Obras|

O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, xunto a membros do goberno local, recibiron hoxe ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, na súa visita ás obras do complexo deportivo A Tarela. Tamén estiveron presentes o arquitecto da actuación, Marcial Rodríguez Rodríguez; o arquitecto técnico, Bruno Ferreiro López; así como Domingo López País e José Luis Gómez García, encargados de obra.

Na visita, o rexedor agradeceu “o apoio da Xunta que é fundamental para poder iniciar a remodelación deste complexo deportivo da Tarela, que permitirá dotar ao noso municipio dun equipamento deportivo de referencia para as comarcas do Barbanza e de Noia. Ademais de favorecer a práctica deportiva, as novas instalacións reforzarán este espazo como lugar de encontro e convivencia para a veciñanza”

Na mesma liña, Diego Calvo comprobou hoxe na vila sonense o avance das obras da primeira fase de remodelación do complexo deportivo da Tarela, unha actuación apoiada pola Xunta ao abeiro da convocatoria de 2025 para proxectos estratéxicos do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local. O Concello aporta o 50% do investimento total, aportando a Xunta o 50% restante do total, que supera os 784.000 euros.

Esta primeira fase da actuación comprende a ampliación do ximnasio da piscina municipal e a construción dun novo aparcadoiro con 110 prazas. A ampliación permitirá responder á crecente demanda das persoas usuarias cun espazo máis amplo e funcional, mentres que o novo estacionamento dará servizo tanto ás instalacións actuais como ao futuro pavillón multiúsos previsto no complexo.

Segundo salientou Diego Calvo, a actuación forma parte da vintena de proxectos de carácter estratéxico apoiados pola Xunta na convocatoria de 2025, que se suman a outros 20 financiados o exercicio anterior. En cada unha destas dúas convocatorias destináronse máis de 8 millóns de euros, cun investimento acumulado superior aos 16 millóns en case 40 proxectos estratéxicos impulsados nos concellos galegos. A consolidación desta liña levou ao Goberno galego a incrementar este ano a súa dotación ata os 10 millóns de euros.

A iniciativa enmárcase no compromiso prioritario da Xunta co apoio ás entidades locais. Así, só o ano pasado as achegas do Goberno galego permitiron impulsar preto dun milleiro de proxectos en practicamente todos os concellos de Galicia a través das distintas liñas específicas de colaboración. No caso do Porto do Son, os investimentos da Xunta destinados ao municipio nos últimos anos a través destas convocatorias superan os 3,1 millóns de euros.

Comments are closed.

Close Search Window