Educación|

Un grupo de 7 mozos e mozas de Porto do Son, Boiro, Dodro e Outes tiveron a oportunidade de colaborar con organizacións sociais locais, participar en actividades culturais e iniciarse na aprendizaxe do idioma alemán a través do proxecto piloto de voluntariado europeo levado a cabo na cidade alemana de Berlín durante o pasado mes de outubro.

Este proxecto, financiado pola Deputación da Coruña e da Fundación Paideia Galiza, busca a promoción de estancias formativas internacionais para a mocidade galega, a través dun proxecto de voluntariado que aposta pola igualdade de oportunidades e a mobilidade no medio rural.

No marco desta iniciativa, a sede da Fundación Paideia Galiza na Escravitude (Padrón) acolleu onte o acto de peche da última experiencia de voluntariado grupal desenvolvida recentemente e Berlín.

No acto participarán os propios mozos e mozas que viviron esta experiencia, acompañados polo equipo técnico da Fundación que os titorizou.
Asistiu tamén o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, xunto ao deputado provincial Antonio Leira; o vicepresidente da Fundación Paideia Galiza, Guillermo Vergara Muñoz; e o alcalde de Dodro, Xabier Castro Tourís.

O proxecto de voluntariado forma parte dunha iniciativa máis ampla destinada a fomentar a igualdade de oportunidades, o desenvolvemento persoal e profesional e a mobilidade internacional da mocidade galega, especialmente en contornas rurais.

O programa é totalmente gratuíto (cubre a viaxe, comida, aloxamento, seguro médico, desprazamento dende o aloxamento ao proxecto), sendo o único requisito ter entre 18 e 30 anos de idade e residir nun país da Unión Europea.

A través do voluntariado europeo, a mocidade pode desfrutar dunha estancia de entre 2 a 12 meses noutro país de Europa colaborando con proxectos de diferentes temáticas que abarquen cultura, educación, medio ambiente ou colectivos vulnerables.

Comments are closed.

Close Search Window