Formación, Emprego|

Tras un ano de moitas ensinanzas e excelentes traballos, o alumnado do OBRADOIRO DE EMPREGO Tahume IX recibiu os seus certificados de capacitación profesional da man da delegada da Xunta de Galicia, Belén do Campo, do Alcalde do Concello de Ribeira, Luís Pérez, do Alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, da Concelleira de Emprego de Ribeira, Genoveva Betanzos e do Concelleiro de Medio Ambiente e Rural de Porto do Son, Juan José Calo.

O obradoiro dual de emprego Tahume IX foi un programa mixto de emprego e formación dirixido a mellorar a ocupación das persoas desempregadas, subvencionado pola Consellería de Promoción da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Política Social e Igualdade, e promovido polo Concello de Ribeira xunto co Concello de Porto do Son. Durante estes 12 meses, formáronse a 20 alumnos/as traballadores/as (10 por cada Concello) nas especialidades de Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería e Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes

A nosa máis infinita noraboa a este gran equipo formado polo persoal de dirección, titoría, administración e docencia, e o alumnado deste Tahume IX

Boa proa no voso presente e futuro!

Na súa intervención a representante do Goberno autonómico anunciou que Ribeira e Porto do Son volverán a contar cun novo obradoiro Tahume X mantendo a especialidade de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e incorporando unha nova de traballos de carpintaría e moble que permitirá seguir formando a outras 20 persoas sen emprego destes dous municipios, ao mesmo tempo que colaboran coa prestación de servizos públicos ás súas veciñanzas, estando previstas máis de 16 actuacións nestes dous ámbitos en diferentes espazos. A representante autonómica destacou que con estes dous obradoiros a Xunta inviste en Ribeira-Porto do Son case 1M€

Na convocatoria de 2024-2025, ofrécense 9 meses de formación con contrato de traballo e coa posibilidade de inserción posterior en empresas da contorna. O alumnado, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, pode obter un certificado de profesionalidade. Tamén se lles abre a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito das materias impartidas por un mínimo de tres meses unha vez completada a formación, grazas aos incentivos que ofrece a Xunta. Para acceder a estes obradoiros, priorizaranse as persoas con especiais dificultades de inserción: mulleres, vítimas de violencia de xénero, emigrantes retornadas, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, desempregadas de longa duración, maiores de 45 anos, persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, entre outras. Terán preferencia tamén as persoas discapacitadas ou as beneficiarias do tramo de inserción da renda básica de Galicia, así como as que solicitaran este servizo a través da súa demanda de emprego e, dentro destas, aquelas que teñan prevista a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción laboral. A Xunta de Galicia encargarase, de financiar a formación profesional para o emprego (medios, materiais, contratación de persoal…), así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos co alumnado

Comments are closed.

Close Search Window