O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, acompañado por membros do goberno local recibiron hoxe á conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, onde anunciou no propio municipio sonense que a Xunta de Galicia vai lanzar este mesmo mes unha nova campaña para sensibilizar e concienciar ao conxunto da cidadanía sobre a importancia de facer un uso responsable e eficiente da auga ao tratarse dun recurso que pode escasear en certos momentos.
Ao acto tamén acudiu o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, que incidiu en que é fundamental manter prácticas responsables durante todo o ano, pero especialmente durante o verán pois coinciden dúas circunstancias que complican a subministración de auga: as condicións climáticas máis secas pola calor -o que reduce a dispoñibilidade deste recurso- e a maior demanda en moitas localidades -especialmente costeiras como Porto do Son- que multiplican por moito a súa poboación como consecuencia do turismo.
Por iso, Ángeles Vázquez lembrou a importancia de apelar á responsabilidade cidadá -de particulares, empresas e administracións a prol dun uso sostible dos recursos hídricos para garantir o abastecemento. Neste sentido, animou a desenvolver boas prácticas nos fogares como pechar a billa mentres se lavan os dentes, optar pola ducha en lugar do baño, limitar o enchido de piscinas, o lavado de vehículos, regar as plantas pola noite ou a primeira hora da mañá -cando a evaporación é menor- ou reutilizar toda a auga que sexa posible, entre outras.
Nesta liña, incidiu en que as empresas e administracións tamén poden dar bo exemplo dun uso eficiente da auga optimizando o seu aproveitamento e sen malgastala con medidas como reducir o regado de parques e xardíns ou escoller as mellores horas para facelo, non facer baldeos para a limpeza das rúas ou pechar o caudal de fontes que unicamente teñen carácter ornamental.





