Formación|

O alumnado do Obradoiro de Emprego Tahume X, da especialidade do Certificado de Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes, continúa avanzando no seu proceso formativo e, nos últimos días, realizaron unha actividade de poda e plantación de frondosas, en colaboración da Comunidade de Montes de Baroña.

O alumnado podou diversas árbores autóctonas como castaños, carballos e nogueiras, entre outros, para logo realizar unha práctica de plantación de árbores frondosas onde se encargaron de todo o proceso completo. Así, realizaron as covas, plantaron as árbores e puxeron abono. 

Tras a actividade, o alcalde, Luis Oujo, indicou que “o alumnado continúa aproveitando este programa mixto de formación e emprego con formacións coma esta na que puideron aprender de primeira man a técnica de poda e plantación de frondosas. Ademais, tiveron a sorte de seguir, sempre con gran atención e ao pé da letra, todas as indicación e explicacións de Ovidio co fin de que o traballo saíra o mellor posible”.

O Obradoiro de Emprego Tahume X seguirá colaborando, en vindeiras datas, coa Comunidade de Montes de Baroña para levar a cabo diferentes actividades e visitas no propio Monte de Baroña.

“Estamos moi satisfeitos de poder levar a cabo esta iniciativa que favorece a inserción laboral da veciñanza e impulsa o emprendemento local, ademais de ser unha gran oportunidade para a formación das persoas, promovendo a empregabilidade na comarca” concluíu o rexedor.

Comments are closed.

Close Search Window