Medio Ambiente e cambio climático|

O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, asinou hoxe xunto a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, o convenio de colaboración para a posta en marcha do proxecto piloto de praias inclusivas promovido pola Xunta.

Esta iniciativa consiste na instalación de acubillos climáticos sostibles na praia do Cruceiro, no Porto do Son co obxectivo de que sirva de refuxio ás persoas con problemas de mobilidade en caso de condicións meteorolóxicas adversas, como poden ser vagas de altas temperaturas.

O rexedor agradeceu “a sempre disposición da Xunta por garantir uns servizos de tempada de calidade e respectuosos coa paisaxe e co medio ambiente que permitirán que as persoas con mobilidade reducida poidan desfrutar do noso areal tamén os días de máis calor este verán”.

En concreto, esta estrutura, que estarán instaladas xa o vindeiro mes de xullo, contará con accesos sen barreiras arquitectónicas, espazos amplos que permiten a mobilidade de persoas usuarias de cadeas de rodas, sinalización táctil e visual adaptada, zonas de descanso accesibles e elementos que favorecen a orientación e seguridade. 

De feito, a conselleira incidiu en que estes elementos urbanos “accesibles, comprensibles e utilizables por todas as persoas” contribúen ao cumprimento dos requisitos asociados a distintivos de calidade ambiental e de servizos como a Bandeira Azul e a Bandeira Verde, xa que “melloran das condicións de accesibilidade, sostibilidade e confort dos espazos públicos”.Nese senso, con esta actuación, que conta cun orzamento de 85.000 euros da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, “avánzase na creación de contornas máis inclusivas e adaptadas ás necesidades da cidadanía, promovendo a igualdade de oportunidades no uso do espazo público”, engadiu Ángeles Vázquez.

Comments are closed.

Close Search Window