Obras|

O Concello concluíu as obras de humanización do núcleo da Silva (parroquia de Goiáns), que supuxeron unha transformación deste espazo rural mellorando a súa funcionalidade, accesibilidade e seguridade, sen renunciar á súa identidade tradicional. As actuacións executáronse ao abeiro dun convenio de colaboración co Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), cun investimento de 484.008,31 euros.

Os traballos incluíron a renovación integral do pavimento, a adaptación das beiravías á configuración das distintas edificacións e a modernización do sistema de drenaxe, dando resposta ás necesidades actuais dun núcleo que experimentou un importante crecemento ao longo dos anos.

Tal e como explica o alcalde, Luis Oujo, o obxectivo destas intervencións non era unicamente renovar as distintas infraestruturas e reforzar a funcionalidade e a seguridade na zona, senón facelo “atendendo ás necesidades e demandas reais da veciñanza e respectando as características e a identidade dun lugar como este”.

Renovación do pavimento

Parte do problema das rúas xacía na antigüidade e mal estado do pavimento, polo que unha das accións principais dirixiuse a solucionar o seu estado. Formigón pulido foi o substituto seleccionado para definir a calzada, unha vía única de dobre sentido e anchura variable.

As beiravías, tamén de ancho variable, foron adaptadas así mesmo aos retranqueos das edificacións circundantes e aos moldes da configuración tradicional do núcleo.

Ademais, nalgunhas zonas o firme pavimentouse con baldosas cadradas, garantindo unha maior estética e durabilidade.

Mellora do drenaxe

A fin de optimizar a evacuación das augas de escorrentía xeradas pola calzada, instaláronse quenllas de formigón pulido en puntos estratéxicos do núcleo. Ditos condutos conectan de forma directa coa nova rede de depósitos pluviais, substituíndo a antiga rede unitaria.

Esta iniciativa mellorará de forma notable a capacidade de drenaxe das rúas e reforzará a protección fronte a empozamentos.

Comments are closed.

Close Search Window