A humanización dos rueiros de Nebra de José Carlos Seoane González acaba de ser nomeada finalista da Open Call na 19º Exposición Internacional de Arquitectura na Bienal de Venecia.
Dun total de 32 finalistas de toda España, a humanización dos rueiros de Nebra, na contorna da Igrexa de Santa María, foi o único proxecto de espazo público seleccionado.
Na actuación destacan a recuperación do carácter orixinal do lugar e a mellora da accesibilidade dos camiños. A intervención pretendeu rescatar o carácter orixinal, a través do debuxo xeométrico do curso da auga por medio da rúa, deseñado a través de métodos construtivos artesanais por artesáns locais.
Entre os traballos executados no lugar, destaca a renovación da pavimentación da contorna con empedrado de granito silvestre e a mellora da accesibilidade dos seus espazos públicos, adaptándoos así ás necesidades actuais da poboación.
Ademais, levou a cabo a canalización da rede eléctrica e de telecomunicacións, e colocáronse varandas e pasamáns de aceiro inoxidable en puntos con maior dificultade por mor das pendentes existentes.
O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, quixo trasladar “os parabéns a José Carlos Seoane por este recoñecemento que sitúa a Porto do Son no mapa a nivel internacional e pon en valor a humanización dunha zona que busca concederlle protagonismo aos peóns e recuperar a orixinalidade e singularidade do lugar de Nebra”.






