A ESMU de Porto do Son participou o pasado 6 de xuño, en Rianxo, no certame musical No bico un cantar, unha iniciativa do Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, que se celebra no abrente do verán desde o ano 2013 en diferentes concellos de Galicia.
O desexo de poñer música á tradición literaria galega para divulgala entre o alumnado dos conservatorios e centros de ensino musical de toda Galicia está na orixe deste evento, que é algo máis que un concerto. Trátase dunha xornada de convivencia de nenas e nenos de toda Galicia que, desde o ensaio da mañá ata o concerto da tarde, gozaron do lugar de acollida e dunha paixón compartida: a música.
No bico un cantar viviu en Rianxo á súa novena edición presencial. Os concertos anteriores tiveron lugar en Santiago de Compostela, Celanova, Cambados, Cangas, Mondoñedo, Betanzos, Tui e Ribadavia e neles foron cantados Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, os trobadores medievais, os autores mindonienses, os alalás, os autores da Raia e a Xeración Nós.
Este ano 2025 conmemoran a Afonso Daniel Rodríguez Castelao con motivo do 75.º aniversario do seu pasamento en Bos Aires o 7 de xaneiro de 1950. E foi precisamente en Rianxo, a vila onde naceu en 1886, non lonxe da casa familiar que o converteu en veciño doutros autores ilustres como Rafael Dieste e Manuel Antonio.
Baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave e co acompañamento do Quinteto de metais Hércules Brass, os versos dos máis insignes autores e autoras galegos cobran vida nas voces de cincocentas nenas e nenos procedentes de conservatorios profesionais de música dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional das sete cidades galegas e do alumnado dos centros de ensino musical da contorna do lugar de celebración. Este ano contaron, ademais, coa colaboración especial do alumnado do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol de Bos Aires. Desde ambas as dúas beiras do Atlántico as voces infantís construirán unha ponte que unirá a vila natal de Castelao coa cidade porteña na que o intelectual viviu os derradeiros anos e morreu exiliado en 1950.

