Medio Ambiente e cambio climático|

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe xunto co Alcalde, Luis Oujo, a Tenente de Alcalde, María Maroñas e o Concelleiro de Medio Ambiente e Rural, Juan José Calo a praia de Queiruga, onde lembrou que o Executivo central non actuou axeitadamente para reclamar os prexuízos causados tanto á armadora como á aseguradora do cargueiro responsable da chegada de pequenos residuos plásticos aos areais da comunidade. Ante esta situación, anunciou que a Xunta presentará un recurso de alzada co que poñer fin ao silencio do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e lograr avances neste eido ao tempo que negocia extraxudicialmente cos representantes da navieira coa finalidade de que afronte os custos derivados do suceso.

A responsable autonómica rememorou o episodio e lamentou o escurantismo e o inmobilismo que caracterizaron a xestión do incidente por parte do Goberno central. De feito, o Goberno portugués comunicou ao español o 8 de decembro a perda dos contedores por parte do Toconao, pero este non llo trasladou a Galicia ata 25 días despois. Ademais, apenas mobilizou medios para mitigar a chegada dos pellets á costa galega malia as peticións do Executivo galego.

Mentres, lembrou, a Xunta actuou coa máxima celeridade e responsabilidade en canto tivo coñecemento do suceso e puxo en marcha un dispositivo por terra, mar e aire no que, nalgúns momentos, chegaron a estar traballando a pé de praia máis de 400 persoas. Este operativo actuou en máis de 630 praias de 66 concellos costeiros e tivo un custo estimado para o Executivo autonómico de máis de 2,3 millóns de euros. Un desembolso económico, aseverou Ángeles Vázquez, que non teñen que pagar as galegas e os galegos pois non teñen ningunha responsabilidade nos feitos.

As tarefas desenvolvidas nos areais e no mar polo persoal mobilizado pola Xunta permitiu retirar da costa arredor de 3.650 quilos de pellets -o equivalente a preto de 150 sacos de 25 quilos dos máis de 1.000 que transportaba o Toconao- e máis de 20.200 quilos de lixo asimilable a residuos urbanos que se retiraron no marco deste dispositivo. A eles engadíronse preto de 1.400 quilos de pellets recollidos a pé de praia por voluntarios ou polos concellos, co que foron retirados das costas galegas algo máis de 5.000 quilos de granulados plásticos, o equivalente a máis de 200 sacos.

Estes residuos -que estiveron gardados en puntos de almacenamento intermedio á espera da súa posible reclamación por parte da navieira, que finalmente non se pronunciou neste sentido- foron valorizados nas instalacións que Sogama ten en Cerceda pois estaban mesturados con outros residuos e materiais presentes nas praias.

A conselleira destacou que este tipo de episodios deben servir para aprender e avanzar a nivel europeo no deseño de normativas que garantan a seguridade marítima e a protección do medio ambiente. De feito, Galicia representará este mes en Bruxelas ás comunidades autónomas españolas no Consello de Ministros de Medio Ambiente da Unión Europea, onde defenderá a necesidade de endurecer as normas neste ámbito para garantir un transporte marítimo seguro e o coidado do medio mariño e das zonas costeiras.

Comments are closed.

Close Search Window