A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achegará 150.000€ para levar a cabo obras de mellora da eficiencia enerxética na Casa de Cultura de Porto do Son, na liña do seu plan de modernización dos equipamentos culturais para ofrecer un servizo de calidade á sociedade.
Deste xeito, o inmoble, que dispón de biblioteca, sala de exposicións e auditorio, e que está destinado ao desenvolvemento de actividades lúdicas, formativas e culturais será obxecto dunha intervención que incluirá a mellora da accesibilidade, a reparación da cuberta e a reforma do sistema de abastecemento de auga potable. Deste xeito, ofrécese á veciñanza un espazo axeitado para a dinamización cultural do municipio.
Así, os traballos destinados a renovar a infraestrutura en beneficio da cidadanía, distribuiranse en dúas fases, de maneira que o investimento será repartido en dúas anualidades. Para este 2025 resérvase unha partida de 49.922€ para actuacións previas, demolicións, accións nas cubertas e xestión de residuos, principalmente. En 2026 a achega será de 100.077€ para intervir nas cubertas, carpintarías e revestimentos, así como para desenvolver tarefas de illamento ou fixar novas instalacións e equipamentos.
Estado do inmoble
A Casa da Cultura sonense conta cun sistema de climatización consistente en chan radiante eléctrico, o que xera un importante consumo, polo que se fai necesario substituílo por sistemas de calefacción máis eficientes co obxectivo de reducilo e mellorar a eficiencia enerxética do edificio. Así mesmo, a cuberta do inmoble presenta falta de illamento térmico e problemas de impermeabilización, unha das principais causas que afectan negativamenete o consumo de enerxía.
Por outra banda, a edificación carece de baños adaptados a nivel de planta baixa polo que tamén se actuará para corrixir a situación. Ademais, o sistema de abastecemento de auga potable atópase actualmente moi deteriorado polo paso do tempo, o que require a súa modernización para que a actividade no centro se poida desenvolver nas mellores condicións.